Sunday 28 de April de 2024

Este martes inaugúrase a exposición fotográfica “Pegadas dun pasado – As escolas”


A Concellaría de Cultura de San Sadurniño tiña programada para o pasado xoves a inauguración da mostra fotográfica colaborativa “Pegadas dun pasado – As escolas”, coincidindo co Día Internacional da Fotografía. Porén, por unha incidencia de última hora, o evento tivo que trasladarse para este martes 24 de agosto ás 20:00h nos xardíns municipais.

“Pegadas dun pasado” centrouse este ano en recuperar imaxes antigas das escolas e do ensino no municipio anteriores ao 1973, ano no que se inaugurou o que hoxe é CPI San Sadurniño.

A mostra está composta por medio cento de fotografías -algunhas dos anos 30- nas que aparecen as cativas e cativos das escolas repartidas por distintos puntos do territorio, en moitos casos vivendas particulares divididas en aulas para as nenas e os nenos.

Con motivo da inauguración oficial sortearanse dúas tabletas e dous portátiles entre todas as persoas que contribuíron á exposición coas fotos dos seus arquivos particulares. A exposición pode visitarse desde o pasado día 9 e ata fin de mes na galería da Casa do Concello nos horarios de atención ao público das dependencias municipais.

O venres finaliza en San Sadurniño o programa de cultura itinerante “Á xunta da noite”

Este venres ás 20:00h chega ao seu remate o “Á xunta da noite”, impulsado pola Concellaría de Cultura como programa cultural alternativo e seguro ao aire libre que percorreu todas as parroquias durante parte do verán de 2020 e no deste 2021 . A última cita terá lugar ao pé da piscina de San Sadurniño, coa actuación da Escola Municipal de Pandeireta, do Home orquestra “Cé Orquestra Pantasma” e de Xoán Padín & Compañía.

Hai 100 localidades dispoñibles das que xa van cubertas arredor de 70. Tamén haberá un posto para tomar a bo prezo unha consumición ou petiscar algo á hora da cea e, se chovese, instalaríase unha carpa.

Para asistir fai falla reserva previa chamando ao 616 332 919 ou enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.
Desde o Concello insístese unha vez máis en que se cancele a reserva se finalmente non se pode acudir por calquera motivo, de cara a dárlle acceso a persoas que poidan estar anotadas en lista de agarda.